Educación e política.

A entrada que hoxe vos traio é unha desas que en ningún caso podería faltar na miña bitácora, pero o certo é que non tiña pensado comezar cunha temática tan complexa e que pode xerar tanto debate. Aínda así, a situación política actual co que algúns xa denominan “a peor crise do Estado dos últimos 40 anos” fai inevitable adiantar acontecementos. A pesar diso, non pretendo xerar debate en torno a Catalunya, só analizar a relación que eu percibo entre a Educación e a política e ata que punto se poden desvincular unha da outra. 

O primeiro que debo de precisar para que se comprendan as miñas palabras é o que entendo eu por política, xa que usarei o termo atendendo a toda a súa amplitude e non só circunscrito á “política profesional” dominada polos distintos partidos. Aínda cando dun xeito restrinxido se fale de política como de aqueles aspectos relacionados co goberno do pobo, para min abarca tamén toda aquela actividade que de xeito individual realizamos e nos pon en relación co resto da comunidade. Exemplificando: este texto é política, o racismo ou a loita en contra del é política, a competitividade ou o cooperativismo son política e, incluso, plantar a horta pode chegar a ser política. Sendo así, está claro que para min Educación e política son dous conceptos que necesariamente viaxan xuntos. 

Aínda así, e resultando para min tan evidente a relación entre ámbalas dúas disciplinas, creo que a labor dun bo mestre é sempre loitar contra o adoutrinamento. É unha situación irónica, porque eu loitarei por que os meus alumnos sexan libres de pensamento, sabendo que ese propio feito é un acto político en si mesmo. Eu non pretendo que os meus alumnos compartan o meu xeito de entender a vida e a sociedade, quero que pensen por si mesmos e medren a través da súa curiosidade e das súas propias inquedanzas, pero son consciente de que o estilo educativo que desexo practicar favorece o auxe de certos pensamentos futuros. Doutra banda, hai certos valores como a liberdade, a tolerancia, o respecto aos demais e a un mesmo, a sustentabilidade, a cooperación e o gusto por compartir que eu considero imprescindíbeis e que serán parte da filosofía da miña aula, resultando de novo unha Educación con certa base política. 

De tódolos xeitos, teño claro que a Educación pola que eu loito debe ser respectuosa cos desexos de cada alumno e, sen dúbida, individualizada. Quero que os meus alumnos aprendan, pero que a orixe das súas aprendizaxes se atope nos seus propios intereses e curiosidades; que os meus alumnos aprendan, pero que sexa dende unha perspectiva de experimentación e acción que lles permita construír a súa realidade. Quero que se coñezan e se respecten, a si mesmos e aos outros, que poidan opinar con liberdade, que se convertan no eixo da súa propia educación e, en último caso, que desenvolvan un pensamento crítico que lles permita fuxir de autoritarismos ilexítimos e irracionais. Estou educando e facendo política ao mesmo tempo, si, pero favorecendo a liberdade de elección que o pensamento crítico lles outorga e que lles levará a ser donos da súa propia vida e a loitar por aquilo no que cren. 

Está claro que eu teño a miña idea política, formada ao longo dos 26 anos que teño. Tampouco dubido que esta idea se verá modificada co tempo, como sempre sucedeu, con cada novo feito e con cada nova aprendizaxe. Aínda así, e sendo consciente de que é un paradoxo, penso que a miña é “a boa”. Creo firmemente en que é a boa, e defendereina e loitarei por ela ata que alguén me demostre que me equivoco. Aínda así, non quero adoutrinar aos meus alumnos nas miñas ideas porque creo nas súas capacidades máis incluso que nas miñas propias. Se as miñas ideas resultan correctas, terán á súa disposición as ferramentas necesarias para chegar elas; se resulta que me equivoco, aceptarei con orgullo cando me corrixan, porque poderán acadar coñecementos que se atopan máis alá dos límites que a min me foron impostos. 

Para rematar, quixera facer unha última reflexión, breve, pero da que agardo que a moitos vos conduza a ocupar parte do voso tempo. Se unha vez lida a entrada aceptades a responsabilidade que supón entender a Educación como un acto político, mestres e mestras, a que esperades para informarvos sobre política? Eu teño claro que unha análise e reflexión fondas da sociedade na que vivimos son o primeiro paso para educar dende a consciencia plena e loitando por unha liberdade integral, ti que opinas?


"O povo é quem mais ordena".

Comentarios

  1. E no caso de que un dos rapaces que tratas de educar, usando o pensamento crítico que ti axudaches a desenvolver nel, e trazando unha argumentación lóxica irrebatible (refírome a unha relación entre ideas que non presenta ningunha falacia) logra desmontar un dos piares nos que baseas o teu método (por exemplo, razona que a competitividade supera á cooperación), como cres que actuarías?

    Anónimo.

    Nah, Maneto.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. É algo que, por suposto, é posible, e o feito de que as percepcións do mundo e da sociedade sempre teñan un certo carácter subxectivo fai que tal vez nunca cheguemos a un acordo.
      Hai un dato importante neste debate, e é que eu antepoño a cooperación á competitividade porque creo que o importante deben ser as persoas, pero esa mesma premisa pode chegar a ser discutible.
      Aínda así, eu sempre trato de respectar as opinións doutros. Non considero calquera opinión respectábel, é certo, e pode ser que un alumno chegue a ter eses puntos de vista tan contrarios... pero para iso serve o diálogo e o debate, tal vez algún día cheguemos a un acordo.
      A pesar diso, sempre son máis lexítimas as loitas que nacen dende a reflexión e o pensamento crítico que as impostas por unha educación ou unha sociedade adoutrinantes, non cres? Eu xa sei que non teño un ideario perfecto nin son un modelo perfecto, asúmoo, pero precisamente por iso creo que non debo ser un piar que ensine dun xeito autoritario, senón un apoio que os acompañe na súa formación como persoas libres.

      Eliminar
  2. Evidentemente a educación debe ir emparellada coa política, ambas as dúas deben ser compatibles en tanto en que en calquera proceso educativo se debería dar unha reflexión e unha discusión non só dos coñecementos, senón que tamén se debería traballar coa pluralidade de ideas e cos valores de cada un dos discentes, ollo, non inculcar.

    Baixo o meu parecer, o docente deberá cumprir a función de fomentar sempre actitudes críticas no seu alumnado, co gallo de facelos dubidar e, por conseguinte, de facelos pensar. Pensar para reflexionar, reflexionar para aplicar, e volta a comezar. Desta maneira libre é un dos xeitos de xerar participación nunha e cunha diversidade, dentro do eido da educación.

    Educación e a política rixen calquera sociedade, e polo tanto non se deben considerar compartimentos estanco.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Alégrome de verte por aquí, compañeiro!
      Moitas grazas por ler e comentar. ^^

      Eliminar

Publicar un comentario