Publicacións

Educando na diversidade - lanzando cuestións.

O día de hoxe quero comezar cunha nova compilación de entradas na bitácora onde, dun xeito máis marcado, quixera que participásedes. Non sei ata que punto a participación será suficiente para animar o blog de vez en cando con entradas coma esta, pero estes días anda unha idea rondando pola miña cabeza e eu sempre son partidario do intercambio de opinións como base para a aprendizaxe, así que vos lanzo a cuestión para ver se vós tedes unha resposta.  A idea xerme á que ando a darlle voltas é a necesidade de educar na diversidade dende a primeira infancia, procurando así sentar as bases para unha vida libre de prexuízos. Nunha sociedade na que, por fin, parece que se poden canto menos cuestionar os estereotipos dominantes, penso que a educación debe ser un dos catalizadores do cambio e a que garanta a instauración dos mesmos. Pero, sendo así, cal é a mellor vía para logralo? Eu persoalmente contemplo dúas posibles premisas que, loitando pola mesma finalidade, son diametralme...

Exames rematados, e...

novamente traen un sabor agridoce; máis agre, que doce. A falta de recibir a mensaxe coa última nota, o certo é que persoalmente non tiven problemas con ningunha das materias, no persoal non me podo queixar... E ata aquí chega o sabor doce. O agre, ten máis que ver co sistema xeral e coas cualificacións da facultade, as cales inciden directamente sobre a visión que se proxecta sobre da importancia das súas titulacións. Sei que non é a primeira vez que me manifesto nesta dirección, e tamén que haberá compañeiros que non concorden co meu discurso e mesmo se sintan incómodos; o certo é que non pretendo culpar a ninguén, non é un ataque persoal cara ninguén, senón unha reflexión que abrangue a propia filosofía da profesión á que nos queremos dedicar. Dicir que non é unha cuestión de notas, xa que non creo que realmente estas teñan a capacidade de determinar dun xeito preciso a valía dunha persoa á hora de traballar. Hai unha gran cantidade de cuestións tan importantes ou máis que as ...

O Nadal.

Bo Nadal a todos. Gústame celebrar estas festas porque, aínda cando entendo que a súa orixe si é cristiá, creo que é positivo para a sociedade que existan un período no que unha parte grande da poboación coincida nas súas vacacións. Para min non son unhas festas de consumismo, nin relixiosas; pero si unhas datas nas que desfrutar de familia e amigos e, nesta etapa da miña vida, como non, estudar e seguir formándome. Aínda así quero falarvos delas a nivel escolar e familiar, en todo caso dende a miña opinión persoal, pero tras darlle máis dunha e de dúas voltas.  En canto á escola, o certo é que me resulta difícil posicionarme. Creo, mantereino sempre, que a escola debe ser laica, non debera amosar preferencias por ningunha das relixións independentemente do lugar que ocupen na nosa sociedade; por outro lado, o Nadal é un momento do ano moi esperado por moitos dos nenos e será, sen dúbida, un dos temas sobre dos que falarán os nenos cando se achegue. Persoalmente, creo que ...

Prácticas.

Actualizo a bitácora con moito atraso, e a verdade é que desta vez o fago ata con poucas ganas, así que supoño que vos debo unha desculpa. Andei con mil cousas na cabeza este tempo, tanto a nivel académico como persoal e incluso cun proxecto de voluntariado que comecei, pero o certo é que tampouco tiven demasiada motivación como para poñerme a escribir(vos). Tratarei que a situación non se repita a miúdo, coller ritmo de novo, pero tamén penso que non merece a pena que escriba nada cando non me apetece facelo, cando só o faría por compromiso, xa que non vai ser nin a metade de aproveitable. A pesar diso, tiña que escribir, e tiña que ser agora. O día 14 os que estamos cursando 3º curso na Facultade de Formación do Profesorado de Lugo temos que decidir cal é o noso destino para o Prácticum II, para algúns lugares xa o hai que comunicar antes do día 7, e é precisamente diso do que vos quero falar. Sendo así, esta entrada irá destinada dun xeito especial aos compañeiros de clase, per...

Redescubrindo a natureza: unha necesidade, non só un desexo.

Continuo nesta primeira toma de contacto na que pretendo expoñer as bases pedagóxicas que penso que guiarán a miña futura labor docente e marcarán a miña filosofía educativa dun xeito máis ou menos claro. Neste caso pretendo falarvos da importancia que eu lle outorgo á necesidade de retomar o contacto coa natureza, favorecendo o desenvolvemento integral do propio neno pero tamén que afloren certos valores implicados no proceso e imprescindíbeis para garantir a sustentabilidade ambiental. De novo, é a propia situación a que me leva a tratar este e non outro tema; a vaga de lumes que asolou Galiza e a tardía resposta ofrecida dende as institucións fanme reforzar a idea de que unha educación en contacto coa natureza non só é beneficiosa, senón indispensábel. Falando da etapa de Educación Infantil, a especialidade na que eu me estou formando, penso que resultan indubidables as múltiples vantaxes que pode ofrecer unha educación encamiñada nesta dirección. É evidente que a calquera metodol...

Educación e política.

A entrada que hoxe vos traio é unha desas que en ningún caso podería faltar na miña bitácora, pero o certo é que non tiña pensado comezar cunha temática tan complexa e que pode xerar tanto debate. Aínda así, a situación política actual co que algúns xa denominan “a peor crise do Estado dos últimos 40 anos” fai inevitable adiantar acontecementos. A pesar diso, non pretendo xerar debate en torno a Catalunya, só analizar a relación que eu percibo entre a Educación e a política e ata que punto se poden desvincular unha da outra.  O primeiro que debo de precisar para que se comprendan as miñas palabras é o que entendo eu por política, xa que usarei o termo atendendo a toda a súa amplitude e non só circunscrito á “política profesional” dominada polos distintos partidos. Aínda cando dun xeito restrinxido se fale de política como de aqueles aspectos relacionados co goberno do pobo, para min abarca tamén toda aquela actividade que de xeito individual realizamos e nos pon en relación co...

Presentación

Do mesmo xeito que para facer escola se debe coidar o contexto, vexo necesario presentarme nunhas poucas liñas co fin de que coñezades parte da traxectoria vital que me levará a reflexionar nesta bitácora.  O meu nome é Miguel Ángel Fernández Rio, e actualmente estou estudando terceiro do Grao en Mestre de Educación Infantil da Facultade de Formación do Profesorado de Lugo. Este é, a pesar diso, o meu quinto ano cursando estudos relacionados co mundo educativo, pois con anterioridade realicei o Ciclo Superior en Educación Infantil. Cinco anos vinculado á Educación, tras uns poucos nos que a miña vida non parecía seguir ningún camiño. O tempo detivérase, as forzas escaseaban e a policromía do mundo convertérase nunha miserábel escala de grises. Decidín comezar o Ciclo sen ánimos nin esperanzas, tan só coa idea de acceder a un traballo que me parecía sinxelo e cómodo naquel entón, pero a miña vida sufriu un cambio radical nesas clases. Recoñezo que eu non tiña vocación, ...