Redescubrindo a natureza: unha necesidade, non só un desexo.

Continuo nesta primeira toma de contacto na que pretendo expoñer as bases pedagóxicas que penso que guiarán a miña futura labor docente e marcarán a miña filosofía educativa dun xeito máis ou menos claro. Neste caso pretendo falarvos da importancia que eu lle outorgo á necesidade de retomar o contacto coa natureza, favorecendo o desenvolvemento integral do propio neno pero tamén que afloren certos valores implicados no proceso e imprescindíbeis para garantir a sustentabilidade ambiental. De novo, é a propia situación a que me leva a tratar este e non outro tema; a vaga de lumes que asolou Galiza e a tardía resposta ofrecida dende as institucións fanme reforzar a idea de que unha educación en contacto coa natureza non só é beneficiosa, senón indispensábel.

Falando da etapa de Educación Infantil, a especialidade na que eu me estou formando, penso que resultan indubidables as múltiples vantaxes que pode ofrecer unha educación encamiñada nesta dirección. É evidente que a calquera metodoloxía se lle poden atopar inconvenientes, especialmente se te sitúas na perspectiva de busca duns obxectivos educativos distintos, pero coido que a educación na natureza ten moito que ofrecer e que esta etapa é especialmente indicada para aproveitala ao máximo neste contexto.

A etapa da Educación Infantil nútrese especialmente dende a experimentación, o xogo libre e o xogo simbólico; e é precisamente partindo destas tres manifestacións dende onde se produce un maior desenvolvemento cognitivo que servirá de base para as aprendizaxes posteriores. Ademais, as correntes educativas actuais enfocadas a esta etapa parece que traballan baixo da premisa de que os contidos necesitan ser vividos e significativos, permitindo unha auténtica construción de coñecementos en apoio da andamiaxe social. Tendo en conta isto, realmente non se me ocorre unha soa situación artificial na que o docente sexa quen de ofrecer a variedade e riqueza que a propia natureza presenta.

A experimentación resulta evidente e medra ademais coa liberdade de movemento que a natureza outorga, favorecendo ademais que as experiencias se poidan integrar e interconectar dende distintas áreas cerebrais ao ser percibidas, manipuladas e sentidas co propio corpo. O xogo libre non atopará lugar con máis posibilidades que o dun bosque, con recunchos naturais, desniveis, sons ambientais que se afastan da monotonía e unha cantidade inxente e variable de materiais ao alcance da man. O xogo simbólico atopará nos materiais naturais ao mellor aliado, fuxindo dos convencionalismos e estereotipos presentes na sociedade que o único que logran é perpetuar prexuízos. O propio bosque é en si mesmo un ente, con vida propia e visibelmente variábel día a día, que non precisa da intervención humana para modificarse co paso dos días.

Os valores que a actividade na propia natureza propician son outro dos motivos polos que penso que na etapa de Educación Infantil é innegociábel a necesidade de fomentar un maior contacto con esta. Na natureza xorden por si mesmos valores de cooperación e compañeirismo, xa que será necesaria frecuentemente a axuda entre iguais aínda que sexa simplemente para os distintos desprazamentos. Do mesmo xeito, ao non reproducirse estereotipos, estarase fomentando unha educación que coida por si mesma o respecto cara a diversidade, convértese nun marco igualitario per se.

Ademais, non debemos esquecer a necesidade imperiosa de educar cara un futuro sustentábel e que incluso traballe en prol dun modelo produtivo autosuficiente que garanta a mellora da calidade ambiental nun mundo cada vez máis maltratado. O cambio climático xa é unha realidade, a insalubridade do aire e das augas é cada vez máis preocupante e mantendo este ritmo de vida acelerado fomentamos hábitos absolutamente destrutivos para o medio. Agora mesmo só nos queda loitar por un cambio lexislativo que desacelere o ritmo produtivo de crecemento infinito que o mantén, loitar por unha educación que logre xeracións moito máis concienciadas que a actual e poñer un pouco de fe en que non superáramos xa o punto de non retorno que levaría a unha destrución e renovación completa do planeta. Recordemos que a Terra ten moitos recursos, pero en todo casos estes son finitos, e pola contra a avaricia humana parece que aínda non coñeceu límites.

Seguramente deixe moitos puntos por tratar, non quero facer tampouco unha entrada demasiado longa nin técnica, pero penso que os principais motivos polos que creo na necesidade dunha educación en contacto coa natureza quedaron expostos dun xeito bastante claro. Omitín de xeito intencionado calquera referencia á educación no rural, pois nalgún momento terá o seu propio recoñecemento, pero calquera das premisas das que aquí falo son perfectamente extrapolábeis ao contexto. Como sempre, espero que sexa un texto proveitoso para vós, estou aberto a debate e a calquera axuda para ampliar os meus coñecementos no ámbito do que falo.

Un saúdo, Rio.

Comentarios

  1. "Recordemos que a Terra ten moitos recursos, pero en todo casos estes son finitos, e pola contra a avaricia humana parece que aínda non coñeceu límites."
    ������

    ResponderEliminar

Publicar un comentario