Prácticas.
Actualizo a bitácora con moito atraso, e a verdade é que desta vez o fago ata con poucas ganas, así que supoño que vos debo unha desculpa. Andei con mil cousas na cabeza este tempo, tanto a nivel académico como persoal e incluso cun proxecto de voluntariado que comecei, pero o certo é que tampouco tiven demasiada motivación como para poñerme a escribir(vos). Tratarei que a situación non se repita a miúdo, coller ritmo de novo, pero tamén penso que non merece a pena que escriba nada cando non me apetece facelo, cando só o faría por compromiso, xa que non vai ser nin a metade de aproveitable.
A pesar diso, tiña que escribir, e tiña que ser agora. O día 14 os que estamos cursando 3º curso na Facultade de Formación do Profesorado de Lugo temos que decidir cal é o noso destino para o Prácticum II, para algúns lugares xa o hai que comunicar antes do día 7, e é precisamente diso do que vos quero falar. Sendo así, esta entrada irá destinada dun xeito especial aos compañeiros de clase, pero penso que pode servir para calquera carreira e incluso se pode extrapolar a idea principal a moitos outros ámbitos da vida.
Para comezar, dicir que é certo que as prácticas son unha materia, con máis ou menos peso a nivel de créditos, pero que non ten en principio ningún recoñecemento especial. Tendo iso en conta, entendo a postura de quen o ve así e decide o seu lugar de prácticas en función dos criterios de comodidade por todos coñecidos (“esta escola quédame cerca, aquí coñezo a non sei quen...”). É un criterio totalmente razoable; se por moito que te esforces, as túas prácticas van ter o mesmo valor que as doutro calquera, por que motivo ía querer alguén un centro que lle supuxera maior esforzo en traballo e en horas? Pois, para min, o principal motivo debe ser o da aprendizaxe.
Diante de todo hai que ter en conta unha cousa, os tres Prácticum da carreira coinciden cos tres últimos anos da mesma, e ao remate deberemos ter adquiridas polo menos as competencias máis básicas para enfrontarnos a unha aula por nós sós. Sendo así, paréceme que o principal criterio a ter en conta debe ser o de buscar un lugar que ofreza de verdade unha aprendizaxe de calidade, novidosa en metodoloxías, próximo á infancia, que permita abrir un pouco a nosa visión do que significa educar en vez de pecharnos á rixidez e ao continuísmo. Tede en conta que o lugar de prácticas é un lugar do que imos aprender moito, para ben ou para mal, polo que o esforzo de pasar tres meses con un pouco máis de traballo nun bo centro penso que queda totalmente compensado se a cambio nos ofrece unha aprendizaxe de calidade.
Por outro lado, quero romper unha lanza en prol de todos aqueles centros que se esforzan en ofrecer pedagoxías alternativas, aínda cando seguramente difira en moitas cousas con todos eles. O feito de querer mellorar é algo que coido que debera ter sempre presente todo mestre, e nestas escolas estase a buscar esa mellora aínda cando iso supoña saír da zoa de confort e ter que enfrontarte a moitas dúbidas e dilemas e, incluso, tal vez, a dificultades legais. Anímovos a todos a que busquedes nestes centros, a que superedes o medo que pode transmitirvos e intentedes tamén achegarvos a unha pedagoxía nova, coa que tal vez non teñades moitos puntos en común, pero que sen dúbida servirá para comprobar como funcionan e para descubrir moitas cousas case inaccesíbeis doutro xeito. Tal vez, só tal vez, cambie a vosa perspectiva, pero sen dúbida axudaravos a fuxir da reprodución dun sistema obsoleto.
Debo recoñecer que escribo isto cando eu aínda non teño nada claras as miñas intencións, é máis, tal vez eu mesmo non me adecúe a ese criterio de calidade que vos intento transmitir, non teño claro, por tanto quero explicarvos os meus motivos. Por un lado, dóeme ter que loitar por un posto, xa non con compañeiros, senón con amigos, así que decidín que directamente non ía solicitar determinadas prazas, independentemente de que me encantaría facelo e de que pense que poderían ser moi proveitosas. Por outro, este ano eu non recibirei beca, para o que ven non sei que pasará, polo que no meu caso un criterio económico tamén entra en xogo e tal vez busque algunha escola infantil na que teña certa esperanza de coller algún contrato durante o verán.
Tamén quixera comentar unha pequena queixa en canto á organización do Prácticum, en concreto, da elección de centros. Independentemente de que sistema alternativo se articulase, paréceme que co actual no que se escolle o centro por orde de apelido é simplemente inxusto. Con este sistema non se mide a implicación nin coa carreira, nin coa educación, nin co propio Prácticum, polo que a persoa menos motivada do mundo podería escoller o “mellor” centro e ocupar unha praza pola que tal vez outros amosarían moito máis compromiso.
Aínda así, reitero o dito, aconséllovos que non escollades centro só por criterios de comodidade. Tede en conta que escoller un centro ten un coste de oportunidade altísimo. Ao escoller un centro, estás renunciando a escoller moitos outros; intentade que a elección sexa a mellor.
Comentarios
Publicar un comentario