O Nadal.
Bo Nadal a todos.
Gústame celebrar estas festas porque, aínda cando entendo que a súa orixe si é cristiá, creo que é positivo para a sociedade que existan un período no que unha parte grande da poboación coincida nas súas vacacións. Para min non son unhas festas de consumismo, nin relixiosas; pero si unhas datas nas que desfrutar de familia e amigos e, nesta etapa da miña vida, como non, estudar e seguir formándome. Aínda así quero falarvos delas a nivel escolar e familiar, en todo caso dende a miña opinión persoal, pero tras darlle máis dunha e de dúas voltas.
En canto á escola, o certo é que me resulta difícil posicionarme. Creo, mantereino sempre, que a escola debe ser laica, non debera amosar preferencias por ningunha das relixións independentemente do lugar que ocupen na nosa sociedade; por outro lado, o Nadal é un momento do ano moi esperado por moitos dos nenos e será, sen dúbida, un dos temas sobre dos que falarán os nenos cando se achegue. Persoalmente, creo que non podo nin debo situarme nin a favor, nin en contra.
Hai unha alternativa, eu polo menos así o creo. Por un lado, seguramente sexa inevitable falar de nadal, pero a súa parte relixiosa non ten por que ensinarse como certa, senón que os propios nenos deberán decidir se cren na historia que se conta ou non. Por outro lado, aínda cando sexa unha esixencia realizar certas manifestacións en prol do Nadal dende o centro educativo, poden enfocarse de xeitos moi distintos, e precisamente dalgúns deses aspectos é do que máis quería falar nesta entrada.
Como restarlle importancia, logo, ao Nadal, nos centros educativos? Traballando dende varios puntos distintos:
- Representacións teatrais: deben necesariamente de reducir a súa importancia as representacións teatrais de Nadal. Esta é, sen dúbida, unha das grandes necesidades que percibo na maioría dos centros. Os nenos, especialmente os de idade Infantil, non merecen pasar tanto tempo preparando unha actuación destinada a compracer aos pais, pero que para eles tan só supón un gran esforzo e unha gran presión debido á importancia que se lle outorga. Por outro lado, as actuacións que se realicen, ademais de ser menos elaboradas, deberán permitir unha participación igual por parte de todos os compañeiros da aula, evitando así a discriminación que supón outorgar papeis principais e secundarios.
- A historia do Nadal debe entenderse como o que é, unha historia máis. Cada neno terá moito tempo na súa vida para decidir se é verdade ou é mentira, pero non se debe forzar o pensamento de que iso é verdade. Os nenos deberán poder expresarse con liberdade acerca do Nadal, unha época realmente especial para moitos deles, pero en ningún caso o educador que os acompañe deberá reforzar unha idea relixiosa da festividade.
- As panxoliñas e demais tipos de manifestacións expresivas que representan ao Nadal deben, por suposto, permitirse, pero tratarase de buscarlles un tipo de enfoque distinto do convencional e de analizar o que din. Por suposto, censuraranse todas aquelas panxoliñas que poida resultar intolerantes ou que transmitan valores arcaicos e errados, sen crear un sentimento de culpa no neno pero facéndolle entender por que non son adecuadas.
- As manifestacións artísticas, por favor, se decidides realizalas, fuxide da mediocridade e do estereotipo. Sei que moitas veces é complicado, que os propios pequenos solicitan ese tipo de creacións, pero na medida do posible desterrade a “reprodución en serie” dunha vez das aulas. A este pase ate a creatividade nos vai denunciar por intento de homicidio, e con razón.
- En canto aos regalos, penso que a escola si pode aproveitar a situación e obter algo bo dela. Xa que sabemos que nestas datas os cativos van recibir moitos regalos, máis dos necesarios, deberemos aproveitar para aconsellar tanto a pais como a nenos de que eses regalos tan sequera sexan educativos. Aos nenos haberá que motivalos para que pidan algo que lles sexa de proveito, ben sexan libros, material de pintura, bloques... Aos pais deberemos facerlles entender a importancia que teñen os materiais e os xoguetes dos seus fillos para a súa educación, e poderemos incluso proporcionarlles unha pequena lista de recomendacións.
Procurarei non meterme demasiado no papel que debe ter o Nadal nos fogares, non sei ata que punto debería interferir na intimidade do fogar, penso que é un aspecto que en si mesmo ben merece canto menos unha entrada... pero hai un aspecto que si penso innegociable tratar: os regalos de Nadal. Actualmente os regalos que reciben os nenos nestas datas están, na súa maioría, errados, en cantidade e en calidade. E tan importante é un aspecto coma o outro.
En canto á cantidade, chega a extremos absurdos. Hai publicacións que falan de que o máximo ideal sería de catro ou cinco regalos; persoalmente non me atrevo a dicir un número, pero si sei que hoxe moitos dos nenos reciben un número absurdamente elevado de regalos. Isto provoca que os nenos non aprendan a desfrutar verdadeiramente os agasallos, perden incluso o momento de asombro ao rachar o papel, pero creándolles unha “adicción” de regalos cada vez máis difícil de satisfacer. Xa nada lles valerá, porque xa o teñen todo; non se lles permite nin “desexar”, porque antes de poder desexalo xa o teñen na casa.
En canto á calidade, cada vez se mercan máis xoguetes plásticos e que ademais só permiten un modo de uso. Cando o xoguete é “pobre” en materiais, e ademais non permite desfrutalo dende a creatividade, senón que marca a actividade, é un xoguete cunha bagaxe pedagóxica inexistente. Os xoguetes de pilas, que mandan eles no comportamento do neno e non ao revés, non son unha opción. Por suposto, xoguetes “sexistas” nin entrarei a valoralos. Pola contra, escollamos xoguetes que ofrezan mil posibilidades, que fagan pensar, que sexan versátiles, de materiais ricos e con personalidade no tacto, regalemos contos ou historias, materiais artísticos... Esquezamos as revistas de xoguetes e busquemos o que realmente poden desfrutar os nenos.
No fondo, o Nadal é unha época máis do ano, moi significativa para os cativos e que non se pode obviar. Tratemos de que sexa o máis educativa posible e aproveitemos o que nos ofrece. Non pretendo ofrecervos a fórmula máxica para traballar durante o Nadal, de feito tratei de ser concreto en moitos dos apartados, pero espero que as miñas ideas cheguen a vós con forza.
Un saúdo, Rio.
Comentarios
Publicar un comentario