Presentación

Do mesmo xeito que para facer escola se debe coidar o contexto, vexo necesario presentarme nunhas poucas liñas co fin de que coñezades parte da traxectoria vital que me levará a reflexionar nesta bitácora. 

O meu nome é Miguel Ángel Fernández Rio, e actualmente estou estudando terceiro do Grao en Mestre de Educación Infantil da Facultade de Formación do Profesorado de Lugo. Este é, a pesar diso, o meu quinto ano cursando estudos relacionados co mundo educativo, pois con anterioridade realicei o Ciclo Superior en Educación Infantil.

Cinco anos vinculado á Educación, tras uns poucos nos que a miña vida non parecía seguir ningún camiño. O tempo detivérase, as forzas escaseaban e a policromía do mundo convertérase nunha miserábel escala de grises. Decidín comezar o Ciclo sen ánimos nin esperanzas, tan só coa idea de acceder a un traballo que me parecía sinxelo e cómodo naquel entón, pero a miña vida sufriu un cambio radical nesas clases.

Recoñezo que eu non tiña vocación, nin sequera me avergonzo ao dicir que cando comecei era un máis dos que pensa que a Educación Infantil é a tan utilizada “recorta, pinta e colorea”. Non sinto vergoña porque alí as miñas ideas mudaron e medraron, facéndome entender que non hai traballo máis importante que o de Mestre. E dígoo así, aínda co risco de parecer fachendoso, porque teño o pleno convencemento dilo. Eu mesmo no Ciclo tiven dúas grandes mestras, e só elas puideron salvarme da fonda crise na que me atopaba.

En canto á bitácora, son consciente das miñas limitacións e preciso que sexades coherentes coas expectativas. Quédame moita formación por diante e fáltame moita práctica; é evidente que non se converterá nunha bitácora de referencia a nivel educativo, pero tampouco é o obxectivo que persegue. Pretendo ofrecervos as miñas reflexións persoais, axudándome a min ao mesmo tempo ao verme obrigado a plasmalas co agarimo que merecen e, por suposto, estarei encantado das vosas aportacións e sempre disposto a debater. Non sei se é moito ou é pouco, pero é o que hai.

Finalizo dicíndovos un dos motivos que me impulsou a crear esta bitácora, e é que penso que todo Mestre debería de reflexionar, escribir e falar sobre Educación. As ideas, por moi boas que sexan, non existen ata que non se comparten. Axudádeme a construír e a construírme. 

Comentarios


  1. Enoraboa Miguel.
    Levo moitos anos usando blogs na ensenanza e tamén blogs persoais. No ensino e unha das ferramentas mais poderosas que podes ter como mestre, a min fíxome dar un salto grande de calidade e marcóu unha diferencia muy importante co resto dos profesores que, pra min sorprendentemente, non os usan. Póñoche unhos enlaces por si che poden dar algunha idea e, si queres, chegado o momento, pódoche dar algús consellos.
    Disculpa que mi gallego escrito no sea muy bueno. Has dado el primer paso pero este mundo es apasionante y te auguro muchos éxitos. ¡Ánimo!
    https://infantaleonorprimero.wordpress.com/
    https://leopoldsixth.blogspot.com/
    https://leopoldototal.blogspot.com/
    https://bouzoa.wordpress.com/
    https://botago.wordpress.com/

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Moitas grazas por ler e comentar, e polo teu apoio. Concordo en que manter un blog é unha ferramenta moi útil para un mestre, en certo modo incluso porque che crea unha certa obrigación de plasmar os pensamentos e darlles orde.
      Mirarei os blogs compartidos, a ver se vou aprendendo pouco a pouco.
      Un saúdo!

      Eliminar

Publicar un comentario

Publicacións populares deste blog

Exames rematados, e...

Educando na diversidade - lanzando cuestións.

Educación e política.