Presentación
Do mesmo xeito que para facer
escola se debe coidar o contexto, vexo necesario presentarme nunhas poucas
liñas co fin de que coñezades parte da traxectoria vital que me levará a
reflexionar nesta bitácora.
O meu nome é Miguel Ángel Fernández
Rio, e actualmente estou estudando terceiro do Grao en Mestre de Educación
Infantil da Facultade de Formación do Profesorado de Lugo. Este é, a pesar
diso, o meu quinto ano cursando estudos relacionados co mundo educativo, pois con anterioridade realicei o Ciclo Superior en Educación Infantil.
Cinco anos vinculado á Educación,
tras uns poucos nos que a miña vida non parecía seguir ningún camiño. O tempo
detivérase, as forzas escaseaban e a policromía do mundo convertérase nunha miserábel
escala de grises. Decidín comezar o Ciclo sen ánimos nin esperanzas, tan só coa
idea de acceder a un traballo que me parecía sinxelo e cómodo naquel entón,
pero a miña vida sufriu un cambio radical nesas clases.
Recoñezo que eu non tiña vocación,
nin sequera me avergonzo ao dicir que cando comecei era un máis dos que pensa que a Educación Infantil é a tan utilizada “recorta, pinta e colorea”. Non sinto vergoña porque
alí as miñas ideas mudaron e medraron, facéndome entender que non hai traballo
máis importante que o de Mestre. E dígoo así, aínda co risco de parecer
fachendoso, porque teño o pleno convencemento dilo. Eu mesmo no Ciclo tiven
dúas grandes mestras, e só elas puideron salvarme da fonda crise na que me
atopaba.
En canto á bitácora, son consciente
das miñas limitacións e preciso que sexades coherentes coas expectativas. Quédame
moita formación por diante e fáltame moita práctica; é evidente que non se
converterá nunha bitácora de referencia a nivel educativo, pero tampouco é o
obxectivo que persegue. Pretendo ofrecervos as miñas reflexións persoais,
axudándome a min ao mesmo tempo ao verme obrigado a plasmalas co agarimo que
merecen e, por suposto, estarei encantado das vosas aportacións e sempre disposto
a debater. Non sei se é moito ou é pouco, pero é o que hai.
Finalizo dicíndovos un dos motivos
que me impulsou a crear esta bitácora, e é que penso que todo Mestre debería de
reflexionar, escribir e falar sobre Educación. As ideas, por moi boas que sexan, non
existen ata que non se comparten. Axudádeme a construír e a construírme.
ResponderEliminarEnoraboa Miguel.
Levo moitos anos usando blogs na ensenanza e tamén blogs persoais. No ensino e unha das ferramentas mais poderosas que podes ter como mestre, a min fíxome dar un salto grande de calidade e marcóu unha diferencia muy importante co resto dos profesores que, pra min sorprendentemente, non os usan. Póñoche unhos enlaces por si che poden dar algunha idea e, si queres, chegado o momento, pódoche dar algús consellos.
Disculpa que mi gallego escrito no sea muy bueno. Has dado el primer paso pero este mundo es apasionante y te auguro muchos éxitos. ¡Ánimo!
https://infantaleonorprimero.wordpress.com/
https://leopoldsixth.blogspot.com/
https://leopoldototal.blogspot.com/
https://bouzoa.wordpress.com/
https://botago.wordpress.com/
Moitas grazas por ler e comentar, e polo teu apoio. Concordo en que manter un blog é unha ferramenta moi útil para un mestre, en certo modo incluso porque che crea unha certa obrigación de plasmar os pensamentos e darlles orde.
EliminarMirarei os blogs compartidos, a ver se vou aprendendo pouco a pouco.
Un saúdo!